Converxencia 21 toma a resolución de disolverse como partido político.
Este 5 de abril celebrouse en Tui o VII Congreso Nacional (Extraordinario)
de Converxencia 21 co obxecto de dirimir o futuro da nosa formación.
Era un congreso crucial porque tras 15 anos de andadura, os liberais
plantexabamos por primeira vez a nosa continuidade como partido político.
Disolverse era unha decisión difícil porque por unha banda creemos firmemente
nas ideas e valores que estamos a trasladar á sociedade, pero por outro lado,
os resultados veñen sendo absolutamente descorazonadores. C21 non acadou os
obxectivos marcados na súa fundación e practicamente carece de solución de
continuidade.
Como dicía Carlos Vázquez Padín, Presidente Fundador, na súa intervención
final: “Non ten sentido nin dignidade suplicar o voto cando non eres un partido
desexable pola sociedade”. Ratificando estas palabras o Presidente Nacional,
José Palacín, expresaba: ” A sociedade aínda non está preparada para asumir o
liberalismo porque a liberdade individual require grandes doses de
responsabilidade e esforzo persoal, algo incompatible ca comodidade de unha
sociedade que deixase fagocitar pola voraxine dun Estado paternalista e
omnipresente”.
A decisión da disolución tomouse por unanimidade dos compromisarios, que
ademais, permitiron e invitaron ao único cargo público da formación, José
Palacín, concelleiro polo Municipio de Tui, a pasarse a condición de Non
Adscrito na Corporación Local.
C21 queremos dalas grazas a tódolos afiliados e simpatizantes da nosa formación
e tamén a aquelas persoas que no seu momento depositaron tanto a nivel local
como cara o resto das institucións, o voto en favor de Converxencia 21. Todos
nos, compartimos ser partícipes dun proxecto que xa forma parte da historia, de
unha entidade que co tempo, estamos seguros, será considerada como unha obra de
culto, incluso como unha avanzadilla de visionarios que anticipan a catarse
deste sistema perverso no moral e no pragmático.
Por último, subliñar que esta web permanecerá activa por un tempo pero que
nunha semana convertirase no blog do concelleiro Non Adscrito da Corporación de
Tui, José Palacín.