Consideracións sobre a situación do Casco Histórico de Tui
Na Sesión Plenaria do día 27 de novembro a veciñanza do Casco Histórico presentouse no salón de actos con tres mocións referentes a cuestións que afectan ao ámbito no que residen.
En primeiro lugar, quero felicitar ao Sr. Cabaleiro, porque tras unha conversa telefónica que mantivemos antes da sesión, comprometeuse e cumpríu o feito de atender esas tres mocións de urxencia e que se debatiran con certa carta de natureza, e no caso especialmente da nº 2, referente ao soterramento do cableado, con voto.
Como ben expliquei, as tres mocións tiñan que ver con asuntos que afectan enormemente aos veciños:
1) Atención aos edificios en situación de ruína que están a converterse nunha ameaza para a integridade física das persoas e nun lastre para as propiedades lindeiras. Referente a isto, eu mesmo, no mandato pasado, solicitei á anterior Concelleira de Urbanismo a incoación e xestión integral dun expediente sobre unha casa e muro na rúa Piñeiro, por certo que finalmente se tramitou. Todo isto non é una asunto menor. Certo que non é competencia plenaria senón de Alcaldía, e nese sentido a inoperancia deste Goberno resulta incomprensible, sobre todo tendo en conta que dende abril de 2019 os entes locais posúen unha ferramenta xurídica para actuar, estando esta reflectida no Lei do Solo de Galicia. Curiosamente moitos dos expedientes incoados polo Goberno Socialista quedaron varados e anulados por ausencia de cumprimento de trámite, o cal resulta inadmisible. Actualmente existen aproximadamente quince inmobles nesta situación dramática e so dous expedientes incoados que xa lle expliquei ao Sr, Alcalde que deben cumprimentarse. O meu máximo apoio aos veciños porque non se pode tolerar máis esta neglixente política urbanística.
2) Respecto do soterramento do cableado, por exemplo, no mandato pasado remitín tres rexistros de entrada sobre tres ámbitos concretos, pero non houbo resposta. En descarga do Goberno Local subliñar que este asunto resulta complicado, require dunha cantidade inxente de investimentos e o Concello non o pode abordar so, salvo pequenas actuacións puntuais de tipo estético que era o que eu solicitaba nos meus rexistros. A primera consideración é de tipo técnico, o soterramento debe ir paralelo ao saneamento, porque senón resulta impracticable. Todos sabemos, e isto vale para o punto 1, que moitas administracións comprometéronse co Centro Histórico de Tui nun Plan Rexurbe que ten como obxectivo a recontrución para o ano 2030. Estamos a falar de que o propio Concello debe investir máis de dous millóns de euros, a Deputación 1.800.000, o Goberno Central incluso máis e tamén existe unha previsión de medio millón de euros en capital privado. Pero a administración que debe levar o peso das inversións é a Xunta de Galicia, por valor superior aos dezasete millóns. O retraso neste sentido resulta monumental. Pero iso non é excusa para que o Concello vaia realizando certas labores como a petición as compañías eléctricas e de telefonía para a retirada do cableado fora de servizo. Do mesmo modo, hai que implicar ao consorcio e afastarse de reparacións de tipo simplemente estético que non aportan máis que molestias de aparcamento para os veciños. Logo falarei disto, pero destacar que esta moción chegou a votarse polo Pleno da Corporación, aceptando este as reivindicacións dos habitantes do Casco Histórico.
3) Precisamente sobre a controvertida política de aparcamento xiraba a terceira moción. Estanse a executar remodelacións en tres prazas importantes do conxunto: Fromista, Pracer e Armada. Son reformas estéticas que veñen dadas a carón de subvencións, pero onde non se aborda o importante, saneamento e cableado, e sí a proposta de vida de amargura para os residentes aos que se lles restrinxe a posiblidade de aparcar os seus vehículos. Esta política dogmática que compromete a habitabilidade deste ámbito porque retira vehículos, polo tanto comodidade, resulta tan incongruente que nin sequera plantexa unha alternativa. O Sr. Cabaleiro crea para o Casco un "mini-yo" do que é a súa política de aparcamento en xeral para Tui, eliminación masiva de aparcamento en superficie sen alternativa, ou si, pero demasiado lonxe, por non falar do esperpento do Aparcamento Soterrado do que so eu avisei e ninguén fixo caso. Todo Tui comeza a ser un lugar incómodo para vivir. Por suposto, este plantexamento propositivo de liquidación de vehículos e restricións de tráfico conta co incondicional apoio do BNG e perdón si me equivoco, con certa ambigüedade do Partido Popular, "Madrid Central existe". Por suposto, non creo que para o mandato, cando xa non quede vestixio dos liberais, ninguén retome a bandeira dun "Tui Dinámico", onde se lle dea o espazo ao peatón, pero en convivencia ca actividade económica que necesita de fluxos de tráfico moderado e estacionamento.
Dito isto, lamento moito o que lle está a suceder aos habitantes do Casco Histórico, por usar unha metáfora, estánse a ver envoltos nunha especie de Güetto de Varsovia. Mentres continúe no Concello apoiarei aos veciños no que poida e loitarei para que cheguen os investimentos prometidos, polo tanto as infraestruturas. Pero un Casco Histórico necesita de certa comodidade e actividade para sobrevivir. A comodidade dependerá da capacidade de visión da clase política e tamén da presion veciñal, e a actividade debe fraguarse en virtude fundamentalmente do atractivo turístico de este fermoso lugar, sen renunciar a outras cuentións.
